Solicitan partidas para o EDAR, CPI Camiño de Santiago e Concentración Parcelaria Gonzar II
En O Pino, a 24 de novembro de 2018. Unha vez coñecido o proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2019, e tras comprobar que non figura ningunha partida en concreto para o Concello de O Pino. O PSOE de O Pino vén de presentar emendas para distintas actuacións, que alcanzan un importe de 700.000€.
Demandan, que nos orzamentos deben figurar, como mínimo, 300.000€ para o EDAR que dará servizo as parroquias de Arca, Pereira e Castrofeito. A mesma cantidade para o CPI Camiño de Santiago, co obxecto de mellorar a capacidade das aulas e ampliación do comedor escolar, e, 100.000€ para a tan prometida concentración parcelaria de Gonzar II.
O PSOE critica a inacción do Alcalde
Os Socialistas, critican a inacción e falta de ambición do Alcalde na presente lexislatura, “non foi capaz de conseguir ningunha partida importante para o noso concello, vendeu na prensa, varias veces, o tan necesario EDAR, e leva dende o ano 2006 prometendo a concentración do monte na parroquia de Gonzar, e un ano máis, a Xunta destina O Pino cero euros”, denuncian.
Afirman que, todas a obras importantes que se levan feito foron financiadas grazas o POS+ da Deputación, o cal, tamén axudou a reducir a débeda. “Débeda, a que tivemos que facer fronte todos os veciños/as pola súa nefasta xestión no asunto do polígono industrial”.
Así mesmo, censuran ó Alcalde por ir a protestar á Deputación, coa falsa escusa de recibir menos diñeiro, cando é coñecedor de que a Xunta non lle da nin un só céntimo, e ante tales feitos permanece calado.