A CORPORACIÓN DO PINO ACORDA DESTINAR 70.000€ PARA A HOSTALERÍA LOCAL
“Tras a petición do Pleno Extraordinario solicitado polo Grupo Socialista o popular Taboada trata de emendar o seu anterior erro”
“Grazas á petición do Pleno Extraordinario por parte de Grupo Municipal Socialista do Pino o Goberno Local reacciona”, así o manifesta o PSOE do Pino tras coñecer no Pleno do pasado venres, día 20 de novembro, o anuncio de que se van destinar 70.000€ a un plan de rescate da hostalería local.
O PSOE local solicitara o Pleno coa intención de que ese remanente se destinara ao Pel-Reactiva, “pero tamén aceptamos que esa cantidade sexa destinada a un plan de axudas para a hostalería, neste momento do que se trata é de axudar a quen ten os negocios pechados por mor das restricións, da igual que o plan se chame X ou se chame Y”, indican.
Agora os socialistas esperan que as bases deste novo Plan sexan coherentes, “non queremos que pase o do anterior plan, onde se anunciaron 100.000€ en axudas, e debido a uns criterios demasiado estritos tan so se van poder executar preto de 30.000€. En certa maneira o Alcalde, co anuncio feito onte no pleno, trata de emendar o seu anterior erro, cousa da cal nos alegramos”, apuntan.