A Deputación da Coruña cofinancia a construción dunha senda peonil na estrada que vai de Lameiro a Vilaboa, en Arca (O Pino), a través dun convenio que se aprobará no Pleno de mañá venres. O ente provincial achegará unha contía de 66.811 euros (o 80% do total), para custear esta actuación de mellora da seguridade peonil.
A nova infraestrutura dará continuidade á senda existente na zona do polideportivo de Lameiro. Desta forma, crearase un novo itinerario peonil na plataforma que conecta este lugar con Vilaboa, ambos na parroquia de Arca. A nova senda contará cun ancho de metro e medio e permitirá que os usuarios e usuarias que camiñen pola zona poidan facelo en mellores condicións, reducindo tamén deste xeito o risco de posibles incidentes entre estes e o tráfico rodado. A senda quedará dividida da estrada por un bordo que delimitará ben ambos camiños.
O proxecto inclúe a escavación en gavia para a colocación das tubaxes de drenaxe de augas pluviais, un colector de saneamento, un pozo de rexistro e un imbornal prefabricado de formigón. Así mesmo, levarase a cabo a canalización subterránea do cableado da iluminación pública.
O prazo de execución das obras está previsto en catro meses.