Cando está a piques de cumprirse o primeiro ano do mandato 2019-2023 o Grupo Municipal Socialista do Pino denuncia que segue sen ter a súa disposición ningunha acta das Xuntas de Goberno Local do ano 2019 e 2020, e tampouco a dos Plenos, “e no que vai de ano o solicitamos tres veces por rexistro”, indican.
Documentación que, tal como indica a normativa, ten que poñerse á disposición de todos os Grupos da Corporación aos cinco días de celebrarse as sesións, “esta negación reiterada no acceso á información e documentación, sen motivo, está a privarnos dun dereito fundamental, así mesmo impídenos realizar correctamente e eficazmente o noso labor de control do goberno”, apuntan.
Ante estes feitos, o PSOE local xa ten formulada unha queixa no Valedor do Pobo, queixa que xa foi admitida a trámite e onde este organismo xa solicitou ao Concello, con urxencia, o envío da información requirida en máis de dúas ocasións, “ate o de agora o Concello do Pino nin contestou os requirimentos da Valedora, nin contestou ós nosos escritos, vai por libre, o que demostra unha vez máis a falta de respecto á institución, aos membros da Corporación, e sobre todo a veciñanza en xeral polo incumprimento da transparencia”, indica o voceiro do grupo, Óscar Vilar.
Lamentan esta prácticas por parte do Alcalde, como máximo representante, e da Secretaria, técnica a cal lle corresponde dar fe e redactar as actas, “sabemos que contamos con unha Secretaria que desempeña funcións acumuladas, é dicir, que atende outro concello, pero isto non é novo, pasa en moitos concellos, mesmo aquí xa temos tido outros técnicos habilitados con carácter acumulado e nunca antes pasou isto, non se molestan nin en contestar nin en explicar as causas dos atrasos, motivos máis que suficientes para valorar en poñer o asunto nas mans dos tribunais” indican.