Santiago, 2 de xaneiro de 2020. Os alcaldes e voceiros socialistas na comarca de Santiago de Compostela consideran “inaceptables e inasumibles” as carencias no servizo de pediatría e nunha reunión decidiron por en marcha medidas de presión para esixir un cambio de postura da Consellería de Sanidade.
“Temos un grave problema coa sanidade pública, a Xunta non cubre as ausencias dos pediatras durante as baixas ou as vacacións, o que obriga aos pais e nais a desprazarse para que os seus fillos reciban atención”, afirma Antonio Leira, portavoz do PSOE comarcal.
A situación é moi preocupante en concellos como O Pino ou Touro. De feito, os pais deben desprazarse a Arzúa ou Santiago cando un fillo enferma. Os socialistas presentarán iniciativas nos plenos municipais, no Parlamento de Galicia e tomarán outras medidas nas próximas datas.
O deputado no Parlamento de Galicia e portavoz dos socialistas de O Pino, Óscar Vilar, presentou unha pregunta na Cámara en relación a este tema. Na súa resposta, a Xunta deixa claro que non cubrirá as baixas ou as vacacións dos profesionais.
En Touro, os pais e nais xa fixeron unha campaña reivindicativa co apoio dos socialistas, na que demandan pediatras para os seus fillos, sen que as súas demandas foran atendidas pola Xunta.
“É o momento de tomar outro tipo de medidas que iremos anunciando, está en xogo a saúde dos nosos fillos e non queremos esperar a que pase algo grave”, engade Antonio Leira.
Saúdos, PSdeG Comarca Compostela