Os Grupos municipais do PSOE de Touro e O Pino veñen de presentar alegacións en Augas de Galicia ao proxecto de drenaxe integral da antiga mina. Proxecto presentado por Explotacións Gallegas, S.L., tras varios requirimentos da Xunta de Galicia, e que acaba de estar sometido a exposición pública.
Ambos Grupos, despois de estudar o proxecto e solicitada a opinión a expertos, consideran que o documento “carece de rigor técnico”, “cando se fala dun proxecto de drenaxe integral, a solución ao problema medioambiental non pode estar fundamentado en métodos experimentais, e moito menos ter como obxecto outro tipos de accións”. Manifestan que as solucións teñen que estar contrastadas cientificamente, denunciando que non admitiran solucións “low cost” como a que se propón, por exemplo, para a balsa da corta de Bama.
Así mesmo, tamén critican que a parte máis importante, a planta de tratamento de auga áceda, figure vinculada a unha futura concesión de explotación mineira a ceo aberto, “feitos que non podemos admitir”. “A contaminación que levamos padecendo durante os últimos 30 anos hai que erradicala si ou si, e, a Administración ten que obrigar a actual empresa explotadora a implantar as máximas accións desde XA” manifestan Gemma e Vilar, voceiros do PSOE de Touro e O Pino respectivamente.
Por último indican que o obxecto das súas alegacións é obrigar aos promotores a presentar un novo proxecto serio e rigoroso, “queremos que se corrixa o problema da drenaxe áceda procedente da antiga mina, pero que se corrixa de forma integral e de forma definitiva, é para iso non se pode presentar un proxecto que escatima a inversión”, sinalan.