O que eu esperaba? O que debería ser pero non foi, nin é, nin de seguro que non será nos restantes tres anos de mandato. Esperaba un debate político libre, con todxs os membros da Corporación (independentemente das nosas dispares ideoloxías), que unira o mellor de cada un para ser a voz do noso pobo. Esperaba cordialidade, debate político san e unha participación activa. Esperaba ser partícipe de pequenos cambios, de avances e de prosperidade.
Pero a realidade no salón de Plenos é totalmente dispar ó que debería ser; a autocracia desleal do noso Alcalde traspasa as liñas da utópica democracia que aínda non chegou ó noso Concello. E digo desleal, xa non por nós, a oposición, senón porque observo a forzada incompetencia cara os seus propios peóns e compañeiros de partido, ós cales parecen ser estatuas postradas na mesma postura pleno tras pleno, con voto pero sen voz. A sensación de que unicamente existe a voz do Señor Manuel Taboada é, canto menos, asoballante. Non pensedes que a ditadura rematou co caudillo alá polo 1975, a pequena realidade de moitos concellos na Galiza rural segue a ser esta en pleno século XXI.
O desgoberno, a desinformación, o machismo, o desavance e as mentiras era algo que sospeitaba estando fóra, pero que desgraciadamente, corroborei nun ano preto dun Alcalde que non busca a mellora nin a evolución, senón manter O Pino conxelado no tempo. A pregunta é, mudaron as cousas dende fai 24 anos? Canto deberían mudar e canto mudaron? Case son os anos que teño e non tiven oportunidade de coñecer outro goberno, non hai novas achegas. Nin sequera el lle da voz á xente nova do seu partido. Como non vou tentar eu de loitar polo que é noso por dereito? O medo só tomba ós que se dan por vencidos, e esa, non son eu cando se trata das inxustizas sociais.
Con todo, non todo foi malo neste meu primeiro ano como concelleira. Achegueime a moita xente que me aportou, e me aporta moitísimo. Xente pola que paga a pena loitar. Xente pola que sigo a ter unha esperanza de liberdade. A nosa xente, a nosa forza.
Ademais, teño a sorte de ser parte dun equipo no que todxs somos e estamos activxs, todxs somos un; un equipo que se anima mutuamente nesta loita. Un equipo que fomenta as bases do que queremos para o noso Concello. En definitiva, unha pequena familia nesta batalla contra o caciquismo modernizado.
Amence paseniño nas terras do solpor, as brétemas esballecen coas raiolas do Sol (Luar na Lubre).
Un saúdo. Inka Lareo