Tras un ano como concelleira aprendín moito sobre o funcionamento do mundo da política e, especialmente, do Concello que me fixo ratificar aquelo que me contaran sobre o “modus operandi” da figura mítica de Manuel Taboada e os seus seguidores.
Cando me embarquei neste proxecto político, tiña a esperanza de poder modernizar e impulsar o noso concello mediante propostas e accións que a Alcaldía non escoita e tira abaixo de maneira automática. Atopeime un equipo de goberno que se rexe pola lei do silencio e se caracteriza polo seu ocultismo; trátase dun goberno no que só o Alcalde ten o dereito á opinión e a súa palabra debe seguirse como a de Deus; parece que goza do coñecemento universal e os seus secuaces só son capaces de veneralo.
A realidade, é que o Salón de Pleno é o lugar que Taboada sente como seu, e, no que a súa opinión está por encima do de calquera outro concelleiro/a facendo nulo calquera intento de acordo e entendemento .
Non hai propostas fortes, non hai un avance despois de 24 anos de mandato; fan todo o posible por seguir co seu réxime caciquil e removen os mortos se fai falla por conseguir aquelo que lles convén, aquelo que se lles antolla.
Ademais, é un goberno totalmente machista no que as súas compañeiras, non teñen nin voz nin voto, é dicir, non son partícipes de ningunha das súas comitivas de goberno como é o caso da Xunta de Goberno Local.
Eu pregúntome se os meus veciños queren vivir na época caciquil para sempre ou pola contra queren avanzar e sentirse orgullosos de ter un concello con servizos sociais potentes, cun crecemento do emprego, cunhas mellores infraestruturas… Penso que o pensamento está mudando e que xa somos moitas as voces do cambio así que anímovos a participar na vida política do Concello e facer que isto, no que cremos, sexa unha realidade e non un soño.
Eu creo nun O Pino diferente, e ti?
Un saúdo. Noris Núñez