O Grupo Municipal Socialista do Pino leva ao Pleno, deste mércores, unha iniciativa na que se insta ao Goberno local a iniciar tódolos trámites necesarios para levar a cabo unha revisión completa do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Solicitan unha revisión que contemple, entre outros, a demanda de chan industrial, satisfacer a demanda de vivenda accesible para os mozos e mozas, e facilitar o cambio da denominación do solo de protección rústica. Indicando que, isto último, sería para esas zonas de terreo illadas que foron sometidas a concentración parcelaria, e onde actualmente a actividade agropecuaria é nula, “temos que aproveitar ditos predios para a produción forestal, evitando así o continuo abandono e a improdutividade da terra”, indican.
Cualifican o actual PXOM, do ano 2003, como o “Gran Fracaso da xestión Taboada”. “Un concello como o noso, que limita coa capital galega, non medra en poboación, o chan industrial dispoñible é o mesmo que existía no ano 2003, é dicir, igual a cero metros cadrados, isto é a triste realidade na que nos atopamos dezaoito anos despois” manifesta Óscar Vilar, voceiro do Grupo.
Tamén sinalan que, “o Plan Xeral non está adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, nin tampouco a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e moito menos a realidade social. Unha realidade social totalmente distinta a que se daba a comezos do século XXI, polo tanto sobran motivos para demandar a revisión do Plan” manifestan.