As distintas crecidas que sofre o Tambre no inverno e a escasa limpeza das marxes do río, ano tras ano, provocan asolagamentos que pasan factura a Ponte de San Migueliño.
Ponte localizada a poucos metros da Praia Fluvial de A Tarroeira no Concello do Pino, e que une a aldea que leva o mesmo nome, na parroquia de Budiño, coa estrada local que vai da Tarroeira a Rabal na parroquia de Gonzar.
Construción que conta con un problema estrutural serio ó ter dous dos seus piares parcialmente esbarrigados, e unha importante fenda no seu piar central, tal como veñen de denunciar os Socialistas do Pino.
Alertan que a ponte a día de hoxe ten serios danos estruturais, “as fotos, do actual estado, así o demostran, e non entendemos como a estas alturas desde o Concello non se ten feito nada para intentar solucionar o problema”, “no inverno, cas choivas e o aumento no caudal, os danos irán a máis e corremos o risco de que a ponte se derrube totalmente, o que provocaría graves prexuízos aos veciños/as e, sobre todo, ós gandeiros da zona”, apuntan.
O PSOE do Pino nos próximos días solicitará no rexistro do Concello a elaboración dun informe técnico, co fin de coñecer en detalle todos os danos da ponte, e posteriormente solicitará unha intervención urxente para evitar que os danos vaian a máis.