A antiga casa consistorial do Pino situada fronte o actual albergue de peregrinos de Arca, e construída nos seus inicios polos pais do galeguista Luis Seoane, fillo predilecto do Concello do Pino, presenta un “penoso estado”, denuncian os Socialistas.
“Caleiros rotos, ventás cos cristais soltos, e varias tellas levantadas que ameazan aos peregrinos que dormen no albergue, e, tamén, a veciñanza que acode a diario á oficina de correos” relatan.
Os socialistas tamén informan que é a segunda vez que avisan que esta casa propiedade do concello non figura no listado dos inmobles a asegurar, “este inmoble, xunto a antiga escola infantil e o local da antiga cámara agraria, non figura na relación dos bens públicos municipais a asegurar”. Listado publicado na Plataforma de Contratacións do Sector Público.
Afirman que isto mesmo xa sucedera no anterior mandato, “a finais do ano 2018 alertamos desta incidencia en Pleno, houbo que repetir a licitación, e, agora na nova licitación volvese a reincidir no erro”, “non sabemos quen cargará agora coas culpas. Nós, aproveitando que a licitación quedou deserta vamos rexistrar un novo aviso ao Alcalde, a ver se a terceira é a vencida” indican.
O PSOE do Pino demandará unha actuación urxente, “non podemos seguir mostrando esta penosa imaxe ao mundo, fronte a esta edificación descansan peregrinos de todas as nacionalidades, é a imaxe que mostramos como pobo é lamentable” indican.
Actualmente, a antiga casa consistorial do Pino ten varios usos; é a oficina de correos; acolle a sede de varias asociacións locais, e no verán utilízase como oficina de información turística.