O Grupo Municipal Socialista do Pino vén de presentar un escrito denuncia ante a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé Rivera, para que requira ao Concello de O Pino o reintegro da subvención recibida no ano 2019 a través do Plan Leader por incumprimento “reiterado” do obxecto da mesma.
Grazas a esta axuda, xestionada a través do GDR Ulla Tambre Mandeo, o Concello de O Pino adquiriu varias cintas de correr, elípticas, bicicletas estáticas e máquinas de remo. Instalando así un pequeno ximnasio no Pavillón Deportivo do Lameiro. Ximnasio que debería estar posto en funcionamento desde finais do ano 2019, segundo informan desde o PSOE local, “este novo equipamento deportivo tiña que estar á disposición da veciñanza desde finais do ano 2019, e o noso Grupo así o demandou varias veces no Pleno. A día de hoxe a instalación segue pechada e a nosa paciencia tamén ten un límite” indica o voceiro socialista, Óscar Vilar.
O PSOE do Pino alega no seu escrito que o Concello incumpre, “de forma reiterada”, co obxecto da axuda e coa normativa en materia de subvencións, “agora, a quen toca pedir explicacións é á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, como ente público dependente da Xunta de Galicia, e ente que concede este tipo de axudas”, indican.
Os Socialistas tampouco aceptan como escusa a pandemia do Covid-19, “a estas alturas todos os veciños e veciñas tiñamos que coñecer o protocolo do uso das máquinas e horarios, e nada se sabe do asunto. Se existira un mínimo de interese este traballo tiña que estar feito e ser público” afirman.
O PSOE local lamenta, unha vez máis, que o Alcalde e o seu equipo, opte ás axudas co único propósito de sacar a foto, e pouco ou nada importen os servizos que se ofrecen á poboación do Pino.