O PSOE DO PINO CRITICA O CAMBIO DE CRITERIO “DE ÚLTIMA HORA” DO SERGAS.
SOLICITAN QUE SE FAGAN PÚBLICOS OS CRITERIOS Á HORA DE PLANIFICAR ESTE TIPO DE ESTUDOS
En O Pino, a 8 de febreiro de 2021. Os Socialistas do Pino lamentan que o Sergas mude de criterio e suspenda a planificación do cribado do Covid-19 que tiña previsto realizar nos primeiros días desta semana no Concello de O Pino. Cribado que, segundo indican desde o PSOE local, estaba planificado desde o venres pasado para os primeiros días desta semana, e que o Sergas suspende utilizando o pretexto da pequena mellora nos datos de incidencia. Información, esta última, facilitada desde o Centro de Saúde a varios veciños e veciñas.
O PSOE local considera que a mellora, de momento, é insignificante, e que o cribado para O Pino está solicitado desde o pasado 30 de xaneiro. Data na que o Grupo Socialista demandaba, por segunda vez, esta petición ao Alcalde, confirmando o Alcalde que xa estaba solicitado o estudo.
Tampouco entenden como outros concellos da contorna, con moita menos incidencia, solicitan os cribados e teñen unha resposta positiva inmediata, “aquí, pola contra, un día estamos incluídos na planificación e ao día seguinte non”, denuncian.
Por último, conclúen en que, “nós -os de O Pino-, non somos máis que ninguén, pero tampouco somos menos que os demais”, e, tamén, demandan que os criterios para realizar este tipo de estudos deberían ser públicos e transparentes.