A semana pasada o concello de O Pino publicaba nos medios que lle ía a solicitar ao Ministerio de Fomento as obras de ampliación e mellora do firme da estrada local que sirve de saída 77 da autovía Santiago-Arzúa (A-54) cara Cerceda e Touro, debido o seu pésimo estado.
Así mesmo, na mesma nota, o alcalde recoñecía que a estrada era de competencia municipal, e que o firme estaba totalmente desfeito debido ao transito de camións que transportaban áridos durante o tempo de execución da A-54.
O socialistas locais informan que o Alcalde, no Pleno, negouse a realizar un arranxo provisional e consideran as declaracións de “escusas dun mal xestor”. Lémbranlle que se tiña que haber solicitado un aval á empresa que executaba as obras da autovía, co fin de sufragar os posible danos, “cousa que non se fixo, e agora Taboada acórdase de Santa Bárbara cando trona”, apunta.
Por outra banda, están de acordo en solicitar as melloras ao Ministerio de Fomento, pero recoñecen que, no caso de que chegue, o proxecto de ampliación e mellora sería unha cuestión a medio e longo prazo por mor da multitude de trámites. E advirten que, “mentres tanto as reclamacións de danos en vehículos recaen nas arcas municipais” indican.
Por todo iso reclaman unha actuación urxente.