O alcalde de O Pino, Manuel Taboada Vigo, do PP, volveu a ignorar o recomendado pola Valedora do Pobo que, ata en tres ocasións este ano, recordoulle que, “tódolos membros das Corporacións Locais teñen dereito a obter do Alcalde tódolos antecedentes ou informacións que obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función”.
Os feitos remóntanse ao pasado 28 de outubro onde a Valedora, tras a queixa do PSOE, efectuaba o primeiro recordatorio de deberes legais ao Alcalde, reiterando a mesma recomendación os días: 4 de xaneiro, 9 de febreiro, e, por último, o 9 de abril. Requirimentos que sempre foron ignorados por parte do rexedor do Pino.
Transcorridos os prazos establecidos sen contestación de ningún tipo, a alta institución galega vén de confirmar ao PSOE local que incluirá no seu informe anual, que remite ao Parlamento, o nome da institución e nomes das persoas que incumpren coas súas obrigas legais.
Para o voceiro do Grupo Socialista do Pino, Óscar Vilar, “a postura do alcalde é un claro desafío á Valedora do Pobo e, por tanto, unha gran falta de respecto ás altas institucións galegas, motivos máis que suficientes para que o PP provincial, con Diego Calvo á cabeza, non fique mudo”.
O PSOE lamenta esta situación e xa estuda emprender accións xudiciais para dar plena efectividade aos seus dereitos, indicando que, “o informe da Valedora non fai máis que corroborar o que vimos denunciando durante todo este mandato, o comportamento caciquil do PP do Pino”.