Tamén tivo a ocasión de escoitar ós veciños/as de Arinteiro (Loxo-Touro), e coñecer de preto os pasivos da antiga mina. Comprobando o actual estado dos regatos da contorna, a gran maioría contaminados por metais pesados e alta acidez, tal como xa ten confirmado Augas de Galicia
En Arca, O Pino, 18 de febreiro 2019. O deputado e voceiro do Cambio Climático do Grupo Parlamentario Socialista na Comisión de Transición Ecolóxica, Ricardo García Mira, mantivo esta mañá, en O Pino, un café-encontro con veciños/as e distintas plataformas de afectados/as pola posible reapertura da antiga mina de Touro.
Os alí congregados expuxéronlle o enorme e irreversible impacto que tería o proxecto nos recursos hídricos, na economía agrograndeira e turística vinculada ao Camiño de Santiago. Baseando as súas afirmacións nos distintos informes como, entre outros, o da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), e o do Consello Internacional de Monumentos e Sitios Histrórico-Artísticos (ICOMOS).
Visita a Arinteiro e contorna da antiga explotación
Unha vez rematado o café-encontro, organizado polo concelleiro socialista local, Óscar Vilar, desprazáronse a Loxo- Touro, para escoitar os veciños/as da aldea de Arinteiro. A denominada e coñecida como “Zona Cero”. Xa que nun hipotético caso de accidente como consecuencia da rotura da gran balsa proxectada, por Cobre San Rafael, o lodos tóxicos arrasarían con toda esta aldea para rematar logo despois no río Ulla.
Os veciños e veciñas están moi preocupados, e, tamén, cansos da forma de actuar da Administración Galega. Non chegan a entender como a estas alturas, e tras os últimos acontecementos, a Declaración de Impacto Ambiental non ten saído xa negativa. Afirman que non queren aquí un desastre como o que se está a vivir en Brumadinho (Brasil), onde xa se levan contabilizado máis de 160 mortos, xunto a gran catástrofe medio ambiental, “falamos dunha minería metálica, onde necesitan construír balsas de residuos mineiros, as cales, almacenan miles de metros cúbicos de lodos tóxicos”, apuntan.
Pola súa parte, Ricardo García durante toda a visita mostrouse moi receptivo, e conforme a moitas das reivindicacións veciñais. Afirmando, o que xa levan afirmando os Socialistas Galegos, que “esta Mina non conta co apoio social nin político”, e que ante proxectos destas dimensións “non só podemos escusarnos na legalidade, ignorando así as comunidades, os políticos temos, e debemos, escoitar os distintos colectivos, para adaptar as leis a un contexto actual, buscando sempre a máxima protección do medio e os recursos naturais”, indicou.
Comprometéndose a seguir de cerca a problemática e estudar posibles iniciativas.