En Arca, O Pino, a 15 de decembro de 2019. Os Socialistas de O Pino advirten ao Alcalde e Técnica habilitada que a aprobación do POS+2020 ten que efectuarse cumprindo toda a normativa. Lémbranlle que a convocatoria é un acto xurídico administrativo que precisa perfección, validez e eficacia doutros actos instrumentais como son a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios.
O PSOE denuncian que é grave que como membros da Corporación teñan que coñecer pola prensa e redes sociais os proxectos, “aínda non fomos convocados para o Pleno, e xa andan a publicitar as obras”.
Na súa solicitude/advertencia, os Socialistas, tamén, informan ao Alcalde e Secretaria que non admitirán unha convocatoria extraordinaria urxente para debater e tratar o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos), POS+2020.
Afirman que, neste caso, non é posible decantarse polo concepto de urxencia tal como se teñen pronunciado distintos tribunais, entre outros, o Tribunal Supremo, “estamos a falar dun asunto que non cabe aducir urxencia, todos/as coñecemos que as bases do POS están publicadas no BOP dende o 31 de outubro de 2019, é dicir, houbo tempo suficiente para convocalo”.
O PSOE, na procura de evitar perder o POS+2020, recomenda ao Alcalde que convoque o Pleno extraordinario para este xoves 19 de decembro, antes das 14:00 horas. Prazo límite que figura nas bases do Plan, “agora, é a única data posible, por outra banda tamén posibilita cumprir co artigo 80.4 do ROF, facilitando que todos os concelleiros/as da Corporación teñan, ao menos, un tempo mínimo para o exame e estudo dos proxectos”. Indican que optar por outra vía sería unha vulneración clara e manifesta da lei, incluída a Constitución.
Teñen a confianza en que mañá, luns, tras estudar o escrito serán convocados segundo a lei, e tamén esperan ter a súa disposición a copia dos distintos expedientes. Lamentan, unha vez máis, esta actitude por parte do Alcalde, “é moi triste ver como un rexedor do século vinteún segue a manter un nulo repecto institucional á oposición”
Advertindo, de que no caso de que o acto non se realice conforme a dereito os obrigaría a solicitar a nulidade do mesmo, “avisado queda”, apuntan.