O Grupo Municipal Socialista do Pino demandará no próximo Pleno, ao Concello e a Xunta de Galicia, a posta en marcha do servizo de atención temperá prometido no ano 2020.
Indican que este servizo destinado a atender aos nenos e nenas de 0 a 6 anos en situación de dependencia, con trastornos no seu desenvolvemento ou en situación de risco de padecelos, fora anunciado e prometido no ano 2020 polo Alcalde, “convocou un Pleno extraordinario, aprobamos unha modificación de crédito, e nada máis volvemos a saber do asunto”, critican.
O PSdeG informa que este servizo, que debería estar funcionando desde fai dous anos, tiña que estar atendendo de forma conxunta aos concellos de Boqueixón, Touro e Vedra, “contou con unha subvención de 57.814€, subvención cofinanciada con diñeiro do Fondo Social Europeo, e dous anos máis tarde descoñecemos se esta subvención foi xustificada, se existiu renuncia, e se este é o caso cales foron os motivos de dita renuncia”, indican.
Así mesmo, sinalan que se este servizo, necesario xa no ano 2020, non pode esperar máis dado que a poboación diana aumentou. Apuntando que segundo os datos dos expertos a poboación susceptible de necesitar atención temperá ronda o 10 por cento dos nenos e nenas con idades comprendidas entre 0 e 6 anos.
A proposta someterase a debate e votación no pleno a celebrar este mércores 28 de setembro.