O PSOE do Pino alégrase que o Alcalde atenda a algunhas das peticións que vén facendo o Grupo Socialista desde que comezou o estado de alarma e emerxencia sanitaria.
Días atrás solicitaban por rexistro un servizo de impresión de traballos escolares para todo o alumnado do CPI Camiño de Santiago, e esta mesma semana solicitaron a compra de mascarillas para todos os veciños e veciñas. Peticións todas elas que contaban con un alto apoio social, e grazas a esa presión o equipo de Taboada vén de anunciar, a través da web municipal, a posta en marcha de ambas demandas do PSOE.
Por outro lado, non comparten o que se está a comunicar na web municipal, onde se lle indica ós veciños/as de Pedrouzo, en Arca, que terán que pasar a recoller as mascarillas nun punto que está pendente de determinar, “lémbranlle ao Alcalde que, de momento, ata o 26 de abril estamos en período de confinamento, e a xente ten que cumprir escrupulosamente co de quedarse na casa, polo tanto non é de recibo que se pida dende unha administración local que non se cumpra coa norma imposta polo Goberno”, apuntan.
Solicitan que as mascarillas se envíen a todos os domicilios do Pino a través de buzoneo, o igual que se fai cando se remite ao final de cada ano a revista de información municipal “Faisca”.
Na solicitude tamén se ofrecen, como membros da corporación, a colaborar nesta tarefa, “estamos dispoñibles para botar unha man no que faga falta, o que non queremos é fomentar dende o concello a mobilidade dos nosos veciños/as, cando o que agora toca é quedar na casa” lembran.