INFORMAN QUE A UTE FORMADA POR MONBUS-ALSA ESTÁ A PRESTAR O SERVIZO QUE USAN OS ESTUDANTES CON MINIBUSES DE TAN SÓ 20 PRAZAS, SEN POSIBILIDADE DE MANTER AS DISTANCIAS DE SEGURIDADE, E CHEGA TARDE AOS LUGARES DE DESTINO
RECLAMAN Á XUNTA E AO CONCELLO DE O PINO QUE ESIXAN O CORRECTO FUNCIONAMENTO
En O Pino, a 11 de xaneiro de 2021. Coincidindo coa entrada do novo ano, e a volta ás aulas despois das vacacións de Nadal, os mozos e mozas do Pino que cursan os seus estudos nos institutos de Santiago estrearon o novo servizo de transporte que presta a nova concesionaria da liña Lugo-Santiago desde o pasado 23 de decembro, a UTE formada polas empresas Monbus e Alsa.
Este estreo non puido ser máis caótico, segundo informa o PSOE de O Pino, “o pasado venres os alumnos chegaron con máis de 15 minutos de atraso ás aulas, e este luns repetiuse o mesmo, para máis inri hoxe, 11 de xaneiro, no servizo de volta para O Pino con saída programada ás 18:30 horas da E. A. de Santiago a empresa enviou un autobús de tan só 20 prazas, cando na estación estaban esperando 24 pasaxeiros, e catro tiveron que esperar a que viñera outro autobús”.
Así mesmo, tamén denuncian que o transporte chega máis tarde aos seus correspondentes destinos, posto que os buses se desprazan sempre ata o aeroporto Santiago-Rosalía de Castro, cando coa anterior concesionaria, nas mans da empresa Freire, as frecuencias que máis usaban os estudantes tiñan o servizo directo.
Desde o PSOE de O Pino reclaman á Xunta, como administración titular do servizo, e o Concello de O Pino, como administración local, que esixan un correcto funcionamento nas liñas que usan os estudantes, con autobuses máis amplos para que os pasaxeiros poidan manter as distancias mínimas de seguridade que recomendan as autoridades sanitarias nesta época de pandemia.