Manifestan que é un lugar perigoso, de fácil acceso e que no seu interior atópanse varios fosos sen ningún tipo de protección
En Arca, O Pino a 28 de xaneiro de 2019. O voceiro dos Socialistas de O Pino, Óscar Vilar, vén de rexistrar, por segunda vez nos últimos catro anos, que se tabique o acceso o antigo depósito de auga da parroquia de Arca.
Denuncia, que se trata dunha infraestrutura situada na Rúa do Muiño, en Pedrouzo-Arca, sen uso dende fai máis de dúas décadas, de competencia municipal, e que na actualidade se atopa en estado ruinoso, pero, pola contra, é un lugar de moi fácil acceso para as persoas e animais.
Esta antiga instalación ten, no seu interior, varios fosos abertos sen ningún tipo de varanda nin protección similar.
Situación que non mudou dende finais do ano 2014. A última vez que o Grupo PSdeG PSOE de O Pino levou este asunto ó pleno, solicitando, como agora, o tabicado e posterior demolición.
Vilar, non entende a desidia do Alcalde, “xa daquela denunciamos os mesmos feitos, agora, temos a obriga de reiterar a petición. Falamos dun lugar insalubre, e perigoso pola situación dos fosos” Tamén se pregunta “cantos anos precisa este concello para levantar unha pequena parede de ladrillo e redactar un proxecto para derruílo”.
Así mesmo, aproveitan a solicitude, para indicarlle ó Alcalde que as administracións teñen o deber de cumprir a legalidade, dando así exemplo os seus administrados.