O Grupo Municipal Socialista do Pino vén de rexistrar unha iniciativa solicitando a construción dunha área de aparcamento para autocaravanas. Manifestan que este tipo de turismo itinerante cada día conta con máis seguidores, e, “tras a pandemia colleu máis impulso”, “nós, o termo municipal do Pino, con un amplo trazado do Camiño Francés, debemos ofrecer este tipo de infraestrutura para todos aqueles turistas e peregrinos que optan por esta maneira de viaxar”, apuntan.
Así mesmo, están convencidos que brindar este servizo aos visitantes podería servir como reclamo para incentivar a economía local, “o turismo relacionado co Camiño de Santiago é unha das principais fontes de riqueza do noso concello, e temos o deber de coidalo e potencialo xa que o visitante que durme e descansa aquí, sempre gasta algo aquí”, manifestan.
Calculan que o custo do proxecto estaría próximo aos 50.000€ e que debería ser financiado a través dun convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de O Pino co fin de mellorar as infraestruturas turísticas do termo municipal.
Esta iniciativa, dos Socialistas, será sometida a debate e posterior votación na sesión plenaria ordinaria a celebrar o vindeiro 30 de xuño de 2021.