O grupo municipal socialista do Concello do Pino rexistrou unha moción na que demanda unha liña de axudas para as familias máis vulnerables con fillos e fillas, co obxectivo de paliar os gastos derivados do comezo do curso escolar.
“A pandemia ocasionada pola Covid-19 non só está a provocar unha crise sanitaria e social, desgraciadamente tamén está a provocar unha grave crise económica que está a castigar as familias máis vulnerables e aos nosos mozos e mozas”, afirma Óscar Vilar, voceiro do PSOE do Pino.
“A crise afecta de cheo ao mercado laboral e os sectores que máis sofren este forte impacto económico son os vinculados coa hostalería e comercio, que, xunto o da industria son os sectores que empregan a poboación máis vulnerable”, engade.
Ante este contexto sanitario e económico complicado, “atopámonos no mes de setembro, mes que se caracteriza polo mes da volta ás aulas e por un gasto extraordinario para todas as familias con fillos e fillas en idade escolar, que este ano aumentará co gasto en compras de material de protección como máscaras; xeles hidroalcohólicos; dispositivos de medición de temperaturas”, lembran os socialistas.
Por este motivo, o PSOE pide a citada liña de axuas, “que terá por obxecto sufragar gastos na compra de libros de texto, material escolar, medios informáticos, material dixital, ou ben material de protección como máscaras; xeles hidroalcohólicos; dispositivos de medición de temperaturas, etcétera”.
A elaboración das bases reguladoras, consideran os socialistas, debe ser a través de distintas mesas de traballos con representación de todos os grupos da corporación, “co obxecto de non deixar a ninguén atrás e contar coas achegas de todos e de todas”.
Saudos, Socialistas O Pino