Esixirán ao Alcalde que explique cales foron os motivos para renunciar “a última hora” aos 161.665€ concedidos polo AGADER para a construción do Centro
O Grupo Municipal Socialista do Pino leva ao pleno do mércores, 30 de marzo, unha iniciativa para que o Concello solicite as axudas, destinadas a construcións de centros de día e residencias, previstas no Acordo Marco que vén de asinar a FEGAMP e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Axudas con cargo ao fondos europeos e destinadas para os concellos de menos de 20.000 habitantes, dando prioridade aos de menor poboación e a todos aqueles que carecen deste tipo de instalacións como é o caso do concello coruñés do Pino.
Nesta mesma moción os Socialistas esixirán ao popular, Manuel Taboada, que explique que motivos, ou causas, xustifican que o Concello renunciara á axuda, por un importe de 161.665€, concedida polo AGADER para a construción e posta en marcha do Centro de día de O Pino.
Critican que esta renuncia “de última hora” provocou que ningunha outra entidade pública ou privada puidese beneficiarse dos fondos do Programa Leader xestionados polo GDR Ulla Tambre Mandeo. Cualifican os feitos como graves e máis que reprochables “este é o respecto que mostra o actual Presidente do GDR, e Alcalde de O Pino, polo resto de axentes que forman GDR”, critica Óscar Vilar, voceiro do PSOE do Pino.