En O Pino, a 3 de decembro de 2020. O Grupo Municipal Socialista do Pino cansado dos continuos incumprimentos que práctica o Concello, negando o dereito á información aos distintos concelleiros e concelleiras, vén de presentar unha queixa ante a Comisión da Transparencia de Galicia.
Órgano colexiado independente adscrito á institución do Valedor do Pobo, e que ten encomendado como tarefa principal que as distintas administracións respecten o dereito de acceso á información pública que ten toda a cidadanía.
Os Socialistas denuncian anta a Comisión a falta da últimas actas das Xuntas de Goberno Local, e tamén que non se lle están a facilitar os expedientes, datos ou informes que solicitan por rexistro, “cando parte destes expedientes están en poder do Alcalde e Secretaria, e non se facilitan co único propósito de entorpecer a labor de fiscalización por parte da oposición”, afirman.
O alto comisionado do Parlamento de Galicia, o Valedor do Pobo, tamén lle está a reiterar ao Concello o seu deber de facilitar información. O último requirimento remitido pola institución, de data 30 de novembro de 2020, lémbralle ao Alcalde que tódolos membros das Corporación local teñen dereito a obter cantos antecedentes, datos ou informacións que soliciten, co fin de que poidan desenvolver a súa función.
Os Socialistas lamentan esta situación, “é incrible que en pleno século XXI, teñamos que andar a presentar reclamacións para poder exercer os nosos dereitos, estas seguen sendo as prácticas do goberno de Manuel Taboada”, apuntan.