O Grupo Socialista denuncia, unha vez máis, o deficiente servizo na recollida do lixo nas parroquia do rural do Pino . Aseguran que unha das principais causas é a falta de medios “contamos cun camión con máis de 18 anos que bota máis horas no taller que operativo, provocando que unha semana si, e outra non, as parroquias do rural queden sen o servizo de recollida, cando estes veciños e veciñas pagan o mesmo recibo que os que residen no casco urbano de Pedrouzo en Arca”, informan.
Os Socialistas critican a inacción do Alcalde neste asunto, “fai tres anos xa recoñecía publicamente que o camión tiña moitas avarías, e dende aquela ningunha xestión ten feito para solucionar o problema”, denuncian.
Por todo isto, o Grupo Socialista demandará no vindeiro pleno, vía moción, a adquisición urxente dun novo camión, “hoxe en día no mercado hai varias posibilidades para a compra, nós, apostamos por solicitar financiamento a outras administracións, e mentres tanto haberá que recorrer ao renting, o que non podemos admitir que isto continúe así sine die e provocando molestias aos nosos veciños/as que abonan en tempo e forma o seu recibo”, apuntan.