Óscar Vilar, concelleiro do PSdeG-PSOE de O Pino, vén de solicitar á Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística, que dite, sen máis demora, procedemento de reposición a legalidade e sancionador a entidade mercantil Cobre San Rafael, S.L. por levar a cabo actuacións ilegais de obras “sondaxes” en vías públicas, do Concello de O Pino, carecendo das autorizacións correspondentes
En Arca, O Pino a 8 de marzo de 2019. O concelleiro da oposición de O Pino, Óscar Vilar, denuncia que a empresa promotora da Mina Touro – O Pino realizou feitos ilícitos, e contrarios á legalidade urbanística cando realizou as obras de prospeccións mineiras no lugar do Monte das Minas de Arca – O Pino.
Feitos, que puxo en coñecemento da Administración no pasado mes de maio, e que obrigaron ó Concello de O Pino a incoar un expediente contra Cobre San Rafael por actuacións ilegais, concretamente sondaxes en vías públicas carecendo das autorizacións, e, que, tamén, supuxeron trasladar parte das actuacións á APLU.
Vilar, ante a parálise do goberno local, presenta escrito ante a Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística manifestando que, en todo o relacionado co urbanismo rexe a “acción pública”, e que en virtude da cal, calquera persoa pode dirixirse á administración competente para denunciar unhas obras ilegais, sen necesidade de acreditar un interese lexítimo.
Tamén indica que, “unha vez vistos e estudados todos os informes, incluídos; o do arquitecto municipal, o da asistencia técnica contratado polo Concello, e, incluso o do asesor xurídico do Concello, encargado ó Bufete Roibas Vázquez, todos son contundentes, todos ratifican a denuncia” apunta.
Por todo iso, non entende, como case un ano despois non se ten redactado a resolución correspondente. Tampouco non entende a demora que está demostrando o Alcalde de O Pino con este asunto, e xa indica que levará o asunto a vindeira sesión plenaria.
Comunicación PSdeG-PSOE de O Pino