O proceso de reestruturación parcelaria do monte de Gonzar II despois de vinte anos de atraso, e tras o rexistro de varias iniciativas parlamentarias por parte do deputado do PSdeG-PSOE, Óscar Vilar, parece que volve a poñerse en marcha.
Así o indican as últimas accións levadas a cabo pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que vén de facer pública a memoria, orzamento, e os mapas do deseño da rede viaria.
Mapas que data de marzo do ano 2018, e onde figuran un total de 37 camiños, todos eles con un ancho de 4 metros, exceptuando as zonas dos abanos e entronques.
Camiños que tal como están proxectados non agradan a maioría dos veciños/as, dadas as numerosas curvas. Veciñanza que aprecia carencias, entre outras, a falta de información relativa as zonas de exclusión, o replanteo das novas fincas, e a construción/ampliación das pontes. Consideran que un proceso de reestruturación parcelaria se ten que realizar para corrixir o minifundismo e a dispersión, “e visto o trazado dos camiños, isto non se está a contemplar, e por iso xa temos presentadas varias alegacións tanto de xeito individual como colectivo” indican.
O PSOE local, en liña coas actuacións levadas a cabo no Parlamento, mantivo varios encontros cos veciños/as afectados, e fíxose eco da reivindicacións. Solicitou pleno extraordinario e espera que o informe de alegacións proposto se traslade á Consellería do Medio Rural.