O PSOE DO PINO SOLICITA A INMEDIATA RETIRADA DO XEL HIDROALCOHÓLICO QUE REPARTIU O CONCELLO
AFIRMAN QUE NON CUMPRE A NORMATIVA COMO BIOCIDA, QUE CARECE DO ETIQUETADO, E DA AUTORIZACIÓN DA AXENCIA ESPAÑOLA DE MEDICAMENTOS E PRODUTOS SANITARIOS (AEMPS)
INFORMAN QUE O ALCALDE VÉN DE SER COÑECEDOR DESTES FEITOS E A SOLUCIÓN ADOPTADA FOI “A CALADA POR RESPOSTA”
En O Pino, a 13 de marzo de 2021. A raíz de a pandemia do COVID-19 moitos concellos apresuráronse a repartir e doar xeles hidroalcohólicos sen comprobar antes se estas solucións cumprían as condicións mínimas de desinfección de mans para axudar a previr os posibles contaxios por coronavirus. Condicións que figuran estipuladas no Anexo V do Regulamento 528/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, de 22 de maio de 2012, relativo á comercialización e uso de biocidas. Normativa, e lista que se pode consultar na web da AEMPS.
Un destes concellos, segundo afirma o PSOE local, foi o Concello de O Pino que doou xel hidroalcohólico entre os distintos establecementos, comercios locais, escola unitaria de Gonzar e CPI, etc…, “un produto que non está homologado como biocida, que carece do etiquetado que esixe a normativa, e que pode estar a dar unha falsa sensación de seguridade entre a veciñanza”, denuncian.
Os Socialistas afirman que o produto que repartiu o concello carece da autorización da Axencia Española de Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS), posto que nin a marca nin o fabricante figura na lista que ten publicada este organismo. “Podemos entender que fai un ano, coincidindo co inicio da pandemia, e dada a escasa oferta deste tipos de produtos, se puidera cometer este tipo de erro, o que non entendemos e que un ano despois siga existindo este produto nas fontes de xel públicas e nos distintos establecementos, cando o Alcalde é coñecedor dos requirimentos feitos polas autoridades sanitarias a algún dos establecementos do noso pobo, e a solución que adoptou: a calada por resposta” apuntan.
Ante estes feitos os Socialistas locais veñen de solicitar por escrito a inmediata retirada do falso xel, e a reposición por unha solución hidroalcohólica avalada, pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), con eficacia viricida demostrada.