O Concello de O Pino ten asignados 663.370,24€, cantidade que se verá aumentada coas achegas do Plan Complementario por parte da Deputación da Coruña
O Pino, 6 de novembro de 2018.- Un ano máis o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, tamén denominado Plan Único de Concellos, da Deputación da Coruña, realiza unha distribución de fondos entre todos os concellos coruñeses aplicando criterios obxectivos e transparentes.
O Concello de O Pino, dentro deste plan, ten asignados 663.370€, e dispón ata o xoves 20 de decembro de 2018 para presentar a solicitude das distintas cantidades que forman o POS+ 2019. Solicitude, na que deberán figurar a programación das obras, así como o destino dos fondos, supeditado todo a un acordo plenario previo.
Por todo iso, o PSOE local vén de rexistrar algunhas das súas propostas con cargo a dito plan, co fin de que se teñan en conta, á hora da redacción dos proxectos e programación das obras, por parte do equipo de goberno.
Solicitan, entre outras; un plan de sinalización integral que abarque as 13 parroquias e 176 aldeas, o acondicionamento dun local na parroquia de Arca para que poidan facer uso do mesmo as distintas entidades deportivas e culturais domiciliadas no Pino, o arranxo da estrada local dende a Rúa ata Astrar (Arca), e a ampliación da plataforma e nova capa de rodaxe na vía que vai dende a N-547 ata o enlace do “Alto do Pino” da futura autovía A-54 (Lugo-Santiago). Autovía en construción e que cruza o Concello no tramo denominado “Lavacolla-Arzúa Oeste”, e que ten prevista a súa apertura no ano 2019.